Falar de responsabilidade social na empresa supón falar dun novo modelo empresarial emerxente e alternativo de xestión, algo que, en momentos como o actual, no que se constata o fracaso dun modelo baseado unicamente na obtención de beneficios económicos, resulta imprescindible.
Un modelo alternativo, comprometido coa sociedade, que recoñece que a empresa é un conxunto de relacións, non só da súa directiva, senón tamén de todas as partes ou grupos interesados pola existencia e o devir da propia empresa: do persoal, clientela, proveedores/as, comunidade local, ambiente e sociedade en xeral.
Enténdese así un modelo distinto de empresa no que a defensa dos intereses colectivos prima sobre o lucro persoal e na que a integridade moral e o respecto aos demais se converten na primeira lei universal, por enriba de calquera outro fin.
Así, a obtención de beneficios nas empresas será a consecuencia do recoñecemento polos distintos axentes deste comportamento superior que, ao tempo que desenvolve un labor empresarial preocúpase e garante o benestar das persoas de xeito individual e da sociedade no seu conxunto, dunha maneira sustentable.
Por todo isto, o Goberno galego, secunda o compromiso con este modelo empresarial polo que quere dar a coñecer a todo o tecido empresarial e á sociedade do noso país os fundamentos da RSE, formar as persoas interesadas no seu fomento, axudar a difundir as accións positivas levadas a cabo polas nosas empresas e poñer todos os medios que estean ao noso alcance para contribuír a este importante logro: unha integración real entre as empresas e o seu contorno ambiental e social.
Estou convencida de que esta páxina web pode ser unha ferramenta eficaz de información, comunicación e intercambio de saberes e experiencias en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e, desde aquí quero animar a todas as empresas, traballadores/as, aos axentes sociais, entidades e persoas en xeral a participar nela. A RSE é labor de todos e todas pois estamos convencidos de que os proxectos só triunfan se se implican aqueles aos que van dirixidos.
Grazas pola súa visita e colaboración.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
Xunta de Galicia






