O IES Rosalía de Castro de Santiago acolle a última xornada de Xeración Responsable

O IES Rosalía de Castro de Santiago acolle a última xornada de Xeración Responsable

Imprimir Email
(0 votos)

A última das xornadas da segunda edición de Xeración Responsable tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, con tres talleres nos que participaron preto de 80 alumnos. 

Dentro dos temas propostos para debate da edición deste ano, relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, as mozas e mozos de Santiago falaron da igualdade de xénero nas empresas. Así, traballaron cun exercicio práctico que os invitou a reflexionar sobre a posibilidade da existencia dunha fenda salarial dentro dunha empresa e aportar ideas acerca das accións que levarían a cabo para rematar con esta desigualdade entre traballadores.

A xornada serviulles para ser máis conscientes do impacto que ten o consumo, aprendendo as orixes do concepto de consumo responsable e expoñendo os valores empresariais que máis teñen en conta. A responsabilidade nas empresas foi así mesmo tratada á hora de falar de emprendemento, debate no que os estudantes comentaron como e de que tipo serían as empresas que eles crearían. 

O alumnado falou tamén do benestar laboral. Conceptos como emprego saudable ou salario emocional foron traballados desde a súa perspectiva. Deste xeito, manifestaron aqueles beneficios que eles valoran nunha empresa aparte da remuneración económica, como poden ser a confianza, o compañeirismo ou o traballo en equipo.

O último dos talleres celebrados neste centro contou coa Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús. As mozas e mozos participaron activamente nesta actividade coa Secretaria Xeral. Á hora de falar da igualdade de xénero, os estudantes do 2º ciclo de animación sociocultural e turismo expresaron o seu punto de vista sobre a desigualdade e citaron numerosos referentes femininos. Tamén falaron sobre o impacto do consumo actual, que reflicten os nosos valores como consumidores. 

Con esta sesión, péchase a segunda edición de Xeración Responsable, unha iniciativa da Xunta de Galicia que explica á mocidade galega que é e que significa ser socialmente responsable.